Saturday 04 de May de 2024

Ordes avoga pola continuidade do seu centro de emprendedores


O pleno tamén acordou convocar un concurso público de ideas para a reestruturación da zona dos parques Municipal e Félix Rodríguez de la Fuente

O pleno do Concello de Ordes correspondente ao mes de novembro acordou por unanimidade facer públicos os informes en materia de sustentabilidade financieira e duplicidade para a implantación dun centro de emprendedores no que fora o Centro Comarcal. Unha medida solicitada polo BNG e que se acordou seguir unha vez sexan informadas todas as forzas políticas. O alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, avanzou sobre a convocatoria dunha xuntanza convocada para a vindeira semana con membros da USC, asesores neste proxecto e cuxos informes “non se atopaban no Concello cando nós chegamos”, manifestou o rexedor. No texto presentado en pleno tamén se solicita a elaboración dun proxecto que se traduza no máximo aproveitamento e funcionalidade destas instalacións, aspecto no que xa están a traballar dende o Goberno Local.
Outro punto no que se consensuou o voto a favor foi o estudo de mellora para a céntrica zona na que se sitúan os parques Municipal e Félix Rodríguez de la Fuente. A idea de partida dos nacionalistas é a unión de ambas zonas de ocio e a supresión da rúa Félix Rodríguez de la Fuente, así como dos baños do seu soterrado para instalalos na superficie. Finalmente, e a petición do alcalde, a moción prosperou a modo de chamamento de concurso público de ideas que se abrirá en breve para que a veciñanza marque as pautas deste proxecto urbanístico, ademais das aportadas polos grupos políticos con representación.
Contratación pública
Por último os nacionalistas reclamaron prescindir o máximo posible do procedemento de contratación negociado a favor do concurso público. Unha reclamación que contou coa comprensión do equipo de Goberno e cuxo uso xustificou debido ao apremiante dos prazos establecidos para poder realizar as dúas obras realizadas ata o de agora. Trátase da remodelación da praza de abastos e as obras da entrada ao polígono industrial de Merelle. Precisamente nestas últimas grazas ao procedemento escollido conseguiuse unha rebaixa do 10%.
Os socialistas viron prosperar a súa moción na que reclaman a derogación da Lei 27/2013, de 27 de decembro, de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local. Unha normativa que según consideran priva ás entidade locais da prestación de servizos sociais e de promoción e reinserción social, así como en materia de sanidade, consumo, igualdade, políticas activas de emprego etc. Un enfoque diametralmente oposto ao do PP, que rexeitou o argumentario manifestando que esta normativa forma parte dun conxunto de actuacións incluídas no Plan Nacional de Reformas, e que da resposta á necesidade de actualizar o marco normativo local para aumentar a eficacia e eficiencia na prestación dos servizos. Según concretou a voceira Susana Gómez “clarifica competencias, racionaliza as estruturas organizativas e garante o control e equilibrio financieiro, entre outras medidas positivas, como son a cesión de gastos de competencias educativas e sanitarias ás Comunidades Autónomas, delimita as competencias das deputacións provinciais ou pon fin á cofinanciación de certas competencias, ademais de fomentar as fusións municipais voluntarias”. Gómez tamén fixo alusión á Lei 5/2014, do 27 de maio, de medidas urxentes derivadas da entrada en vigor da lei citada anteriormente, “a cal garante a municipios e provincias o seu dereito a intervir naqueles asuntos que afecten directamente ao círculo dos seus intereses”.
Pistas multideportes
A creación de pistas multideporte foi outra das necesidades plantexadas polos socialistas e nas que nesta ocasión coincidiron todos os partidos. Por isto solicitaráselle á Deputación da Coruña unha achega económica para poder executar este proxecto, que tal e como concretou o alcalde “non ten que cinguirse exclusivamente ás instalacións deportivas de Vista Alegra senón que tamén se poden considerar outras zonas como por exemplo o paseo fluvial”.
Outra das reclamacións realizadas polo PSOE e que viron aprobada foi a inclusión da vacina da Meninxite B no calendario de vacinacións. Ante esta reclamación Susana García lembrou que a día de hoxe “non se da o consenso nin a evidencia científica necesarias para que o Ministerio de Sanidade poida asumir tal medida e adquirir tal responsabilidade”. Aínda así “foi a Goberno do PP quen instou ao Estado a permitir a súa venda en farmacias, estando a día de hoxe á espera dos resultados dos novos ensaios e evidencias científicas para poder incluíla en dito calendario”. Como exemplos da falta de criterio unitario Gómez sinalou que mentres a dita vacina está recomendada no calendario de países como Australia, Canadá, Gran Bretaña, Austria, República Checa, Italia ou Polonia entre outros, en EEUU está totalmente prohibida a súa administración.
Obras con informes desfavorables
No apartado dos rogos atendeuse ás reclamacións efectuadas polos socialistas en base á instalación de novos pasos de peóns nas rúas Nova e Rosalía de Castro. Tamén ó da instalación dun sistema de eficiencia lumínica, que Martínez Sanjurjo cifrou en aproximadamente 1.200.000 €, insistindo na importancia de realizar un estudo completo e na necesidade de colaboración de entes e organismos como o INEGA ou a Deputación da Coruña. O Concello xa está a facer as solicitudes e estudos pertinentes, concretando a avenida Alfonso Senra como un dos puntos nos que se require dunha intervención máis inmediata.
Por parte do BNG pedíronse explicacións ante o mantemento dende hai meses dos paneis de madeira na beirarrúa da rúa O Recreo. Tal e como explicou o alcalde esta situación é unha herdanza derivada das obras executadas por parte do anterior equipo de Goberno, sendo necesario manter a dita instalación ata asegurarse de que no se volverán asolagar os baixos das vivendas da zona. Neste punto o rexedor demandou explicacións á bancada de UXO do motivo que propiciou a posta en marcha “dunhas obras que contaban con informes desfavorables por parte da empresa concesionaria, tal e como consta no Concello”.